GANDERÍA EXTENSIVA E ECOLÓXICA
Dende o inicio o manexo en extensivo foi a principal característica da gandería. As ovellas están sempre fora, día e noite, todo o ano. Ao manter os animais nos pastos houbo que desenvolver todo un sistema de manexo adaptado a eles para que tanto os partos, a lactación, a crianza ata o sacrificio e a vida dos animais fora sempre en extensivo. Para iso concéntranse os partos na saída do inverno e os cordeiros críanse co leite das súas nais e cos pastos verdes da primavera, ata o inicio do verán.
Moitos dos prados foron recuperados do abandono, é o rabaño de ovellas o que mantén limpas zonas que, doutro xeito, quedarían degradadas e sen aproveitamento. Así mesmo colaboramos con outras ganderías ecolóxicas para o mantemento de pastos no inverno, cando nin vacas nin tractores poden entrar en zonas afastadas e encharcadas.
Os prados xestiónanse cun sistema extensivo de prácticas agroecolóxicas co obxectivo de acadar o máximo de autosuficiencia alimentaria. A alimentación é a base de pastos verdes e forraxes conservadas para os momentos de seca ou de nevadas.
Para a protección do rabaño fronte a ataques de depredadores (lobo, raposo, …) contamos coa inestimable axuda de Coco, un Mastín gandeiro que leva máis de 6 anos coas ovellas de forma ininterrompida. Para axudar a Coco dispoñemos de varios sistemas de peche que axudan a manter o gando xunto para que non se disperse.
Dende o ano 2018 contamos cun acordo de “custodia agraria” coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) o que nos axuda a mellorar a nosa gandería, as nosas prácticas e a contorna na que pacen as nosas ovellas. Tamén, dende 2024 formamos parte do Mapa de ganderías extensivas certificada pola Plataforma por la Ganadería Extensiva y el Pastoralismo.
Finalmente no 2025 iniciamos a andaina ecolóxica co inicio da certificación eco da man do CRAEGA.
Financiado por el Programa KIT Digital. Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia de España “Next Generation EU»