A OVELLA TEXEL
Logo de varios anos coñecendo o sector ovino, analizando e asesorando ganderías das 4 provincias galegas, chegouse á conclusión que había que atopar unha raza ou cruce que se adaptara ao sistema de manexo extensivo que se estaba a levar. Transformando a herba verde en cordeiros criados ao aire libre. Así é como se chegou ata a raza Texel.
A orixe da raza Texel nesta gandería ven de animais traídos de Francia dende o ano 2018. Machos puros saídos das mellores ganderías do país veciño.
A orixe da raza Texel sitúase na illa holandesa co mesmo nome. Alí criábase un tipo de ovella adaptado aos pastos desa zona de clima atlántico, moi húmido e sempre verde.
A raza céntrase en tres características principais:
– Adaptación ao clima atlántico de zonas húmidas cunha resistencia de pes insuperable e un manto de la de alta calidade.
Por iso é unha raza rústica, moi ben adaptada ao clima máis húmido da nosa terra.
– Raza cárnica de bos crecementos e rendementos de canal.
– Inmellorables aptitudes maternais como son a prolificidade, a produción leiteira e a docilidade.
Ao longo do tempo a raza saíu da holanda natal e derivou en diferentes liñas de selección. Así é que, tanto no Reino Unido coma en Bélxica e parte norte de Europa, centráronse na mellora do rendemento da canal e obtivéronse liñas moi boas para o seu cruce como machos terminais.
Pola contra, no centro de Francia, mantivéronse liñas máis antigas, arraigadas ao manexo en extensivo, que teñen boas aptitudes cárnicas mantendo intactas as fantásticas características maternais desta raza. Estas liñas francesas permiten un manexo en extensivo, con partos nos pastos facilitando enormemente o manexo do gando e deixando actuar o comportamento natural dos animais.
Financiado por el Programa KIT Digital. Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia de España “Next Generation EU»